Powered by Max Banner Ads 

O Gaiteiro de Pacios – A Fonsagrada

8 01 2011
O pasado sábado 27 de novembro 2010 a Fonsagrada tinguiuse de loito xa que despedía a un gran gaiteiro e mellor persoa, Don Justo González Bolaño, máis coñecido como Justo de Pacios, “da casa do rego”.
Aos seus 81 anos deixounos o que consideramos coma un mestre gaiteiro. Aqueles que tivemos a sorte de o coñecer sentimos tamén a perda dun amigo, dunha persoa entrañable a cal tiña unha filosofía de vida intrínseca á súa forma de vivir e de sentir este mundo.
Corría o ano 1998 cando, levados da man de Don Aquilino Fernández, fomos visitar o seu amigo e compañeiro de fatigas, e de afección pola caza, o Sr. Justo. Moitos eran os lazos que unían estas dúas persoas. Con tal anfitrión, o señor Justo non dubidou en sacar a gaita para ofrecernos o mellor do seu repertorio de tal xeito que axiña comprendemos a magnitude da calidade e virtuosismo de seu coma músico.
O seu gusto e bo facer pola nosa música levouno, en anos de mocidade, a formar un quinteto -presenza de clarinete- cos seus veciños da Puebla. Co seu compañeiro “Pardiñas”  e outros chegaron a acadar gran sona na comarca. Co paso dos anos, e máis na actualidade, foi moi recoñecido e famoso no mundo da gaita galega por unha peza que el interpretaba ‘do lindo’: “O xiriguelo de Pacios”, moi recorrida polos gaiteiros en concursos ou exhibición, xa que require dun gran tempero e destreza, ao igual que o restante repertorio de Don Justo.
Para toda a súa familia, e en especial para a súa dona Celia Pérez Maguide, o noso máis sentido pésame.


Juan Alén. Acordeonista en Cacheiras, Teo

22 02 2010
No interior dos lindes teenses xermolou un fructífero número de acordeonistas que se espallaron alén do noso municipio. Entre eles, o Sr. Juan quen, en diversas ocasións, foi capaz de nos transmitir o seu legado materializado en extensas sesións, rescatadas da súa memoria e que conformaron un amplo repertorio propio dos acordeonistas da terra.
O Sr. Juan de Alén converteuse nun dos últimos tanxedores de acordeón diatónicos de tantos que poboaron Teo; só en Cacheiras contabilizamos uns dez, cifra bastante elevada para o pouco recoñecemento que se lle deu ata o de agora:
Juan de AlénDaquela eramos moitos os mozos que tocabamos o acordeón; Sabino de Munín, Alfonso de Raxó, meus primos de Cobas…; unha chispa deles, había moita afición.


Na Memoria do Sr. Roberto Casal

20 02 2010
Roberto Casal DevesaA tradición e gusto pola etnografía galega xermolou en nós nos centros culturais e asociacións folclóricas do lugar de orixe de cada un, neste caso no Centro Cultural “Rosalía de Castro”, de Cacheiras. Todo comeza alá pola década dos noventa, cando algúns dos maiores do Centro, movidos polas ansias de recoller e recompilar todo tipo de información sobre os bailes, músicas e costumes de raíz dos nosos arredores, levamos a cabo un importante traballo de campo que aínda hoxe se conserva en devandita  asociación teense.
Pasados uns anos volvemos a vista ao pasado e visualizamos algúns destes traballos de campo, entre as gravacións chamounos a atención un bailador e o seu tanxer nos pasos da muiñeira nos que contrastaba axilidade de pés e elegancia na trasmisión perfecta daqueles movementos.
Logo de facer as pertinentes pesquisas fomos dar con este mestre do baile o mesmo día da festa de Sergude, (era nativo de Lestedo, aínda que pasou a maior parte da vida en Rodiño-Sergude). O gran recoñecemento do que gozaba entre os veciños como gran bailarín do solto facilitounos moitísimo a localización do noso protagonista, o Sr. Roberto.

Roberto Casal Devesa

O noso amigo nunca tivo ningún reparo en transmitir os seus coñecementos a aqueles que alí se achegaban, el era moi consciente de que o de bailar o solto estaba a ser esquecido, xa ninguén bailaba nas festas ao son das músicas.
O bailar en verbas do Sr. Roberto non só se limita a executar uns pasos, é moito máis:
“Unha cousa e bailar e outra, moi distinta, é trasmitir. Para isto, un ten que bailar coa parella seguindo a música pero, ante todo, mostralo con todo o corpo. Non vale de nada marcar moi ben cos pés se a cabeza e os brazos van para outro lado, sempre hai que ir axeitados ao baile”.
Dende logo el nacera con ese don, algo innato que se levaba dentro e xermola con só escoitar a música. Lembra que xa dende neno o baile lle levou moita idea, aprendía axiña e dunha maneira rápida: “non me levaba tempo ningún”. De feito, cando comezaba a bailar nas festas ás que acudía era quen de atraer sobre el as miradas dos alí presentes, por moi remisos que foran a estes bailes. Así nolo demostrou nunha das visitas pois, con case oitenta anos, comezou a debuxar uns pasos cos pés ante os que quedamos marabillados.

Roberto Casal Devesa

Consciente do esquecemento no que ía caendo o baile solto, o Sr. Roberto amosou unha vontade constante por ensinar e transmitir, algo que o convertía nunha persoa entrañable. As ganas de adoutrinar no folclore aos que tiña ao seu redor nunca faltaron, en especial aos seus fillos, aínda que xa estes bailes non tiveran a aceptación social de antano entre a mocidade.
O Sr. Roberto Casal Devesa, foise aos 92 anos de idade deixándonos os mellores recordos como conservador-loitador empedernido do folclore galego. A el o noso máis sincero cariño e agradecemento.


Marcial, O Gaiteiro de Foxás

31 01 2010

Alá polos anos noventa o xermolo da actual A Regionalista xuntábase nun dos seus primeiros grupos de traballo de campo co fin de investigar a música que rodeaba as beiras do Ulla. No noso percorrido, e coma sempre por causas do destino, visitando as terras de Boqueixón rematamos unha tarde de domingo no concello de Touro. Por diferentes aldeas comezamos a recadar nomes de transmisores sendo o que máis repetían as xentes da zona o dun gaiteiro MARCIAL DE FOXÁS… E alí marchamos, ao lugar de Foxás…

Cando chegamos a unha pequena aldea dirixímonos a unha das casas onde         –como ocorre nas máis das ocasións- unha amable dona nos atendeu, presentounos o seu marido, un home máis ben pequeno, de pelo claro-canoso e cun bigote ao uso; de aire moi espelido. Logo das pertinentes presentacións, o noso amigo empezounos a contar anécdotas da súa mocidade; o Sr. Marcial sería a porta aberta cara a un dos últimos gaiteiros “dos de antes” -ou dos de sempre-, á vella usanza, “de oído”.

A música fervía no sangue daquel home que tocara en formación de cuarteto tradicional e tamén coa incorporación da requinta –moi presente na zona do Ulla. Nun dos seus alardes de cariño alá foi ao cuberto e trouxo o seu instrumental: gaitas, caixa, bombo, acordeón… Esta amabilidade aparecía conxugada con algo fundamental para nós pois, Don Marcial, non deixara que a súa memoria esquecera o repertorio que tiña co seu grupo (quinteto de requinta). A  través do fío da conversa demos co Sr. Camiño e co Sr. Lelo, dous homes que tocaran con Marcial -a gaita e a caixa respectivamente-, integrantes vivos do grupo e –sorpresivamente- o segundo deles medio irmán do avó     –bo bailarín- dun dos membros da Regionalista que estaba alí de recollida; “cousas da vida” que diría Castelao…

Tardes inesquecibles as que alí pasamos lembrando tempos vivos na memoria do mestre Marcial e preciosas melodías que debullaba cos dedos este gaiteiro manicho, elementos que fixeron xermolar unha forte amizade que duraría case vinte anos. As visitas foron varias, unha delas coa nosa charanga tocando baixo a dirección do mestre no día da festa do San Breixo.

A derradeira visita –tristemente- foi hai unhas semanas cando nos trasladamos para darlle o último adeus, polo que aquí vai a nosa pequena homenaxe e lembranza agarimosa a través destas letras, mentres o noso patrimonio musical continúa a desaparecer con axentes case sempre anónimos coma o mestre Marcial.

No pensamento de todos está o noso cariño cara a esta xente que tanto nos ten dado. Alí onde estea amenizará coa gaita a quen o acompañe…

Esquela de Don Marcial Iglesias Vázquez viúvo de Jesusa Iglesias Lista. Veciño de Foxás-Touro O GAITEIRO DE FOXÁS. Finou aos 92 anos de idade, o 22 de setembro de 2009.