A Regionalista no Alalá

Este sábado 26 de maio emítese o programa ALALÁ que recolle a traxectoria da Asociación Cultural A Regionalista (Teo), bifurcada nas súas arterias Alvariza e Fargallos.

Estaremos acompañados por veciños, bailaríns da Asociación Rosalía de Castro (Cacheiras) e figuras destacadas do Concello de Teo como Don Gervasio Salgueiro Estévez -músico e director de bandas de música- e os gaiteiros membros do conxunto Hnos. Lamas de Cornide -o Sr. Germán V. Soneira e José Lamas Iglesias.

Queremos agradecer de antemán a todas aquelas persoas que coa súa colaboración fan posible que A Regionalista medre un pouco máis cada día, xente como: Roberto e María da Senra- café que prestaron o seu establecemento para realizar a gravación musical deste Alalá e como non, A Mámoa de Luou pola súa estreita colaboración da man de Ramón Paraxó.

Homenaxe a Nosa Requinta

O pasado 8 de outubro , sobre as 18.30 do serán reunimonos no local cultural da Carcacía, en San Pedro de Carcacía, para lles render tributo a estas formacións: as requintas de Reis, Lampai e Carcacía, que fomaron e forman un triángulo máxico nas expectativas da musicoloxía do país. Por suposto, homenaxeamos os que foran os seus membros activos e os achegados de todos.

Lamentamos que moitos dos nosos transmisores non chegaron a vivir este evento tan emotivo e máis que xustificado. Para a ocasión, tivemos a sorte de contar coa presenza e axuda incondicional de familias de integrantes das requintas como a do Sr. Romero de Carcacía, en concreto os seus netos Carmen e Manuel, e tamén membros da requinta de Lampai como o Sr. Francisco (Rumille), o

 

Sr. Sande e Pepe de ferreiro (Lampai). grazas ao seu labor recuperamos moitas melodias e anécdotas que recordaron para nós e quedaron rexistradas no libro » a nosa requinta, de Teo a Padrón».

 

Agradecera todas as familias que a través da súa colaboración (fotos, istrumentos, e materiais persoais , lembranzas…) nos prestaron o material necesario para poder levar a cabo unha exposición encadrada no marco da requinta.

Mención especial a xente como Manolo de Romero, Francisco García ,Patricio Piñeiro, Manuel Sande e Pepe de ferreiro que actuaron conxuntamente con membros de Alvariza reconstruindo un sexteto tradicional de requinta o cal encheu de vida o acto facendo un repaso polas tres diferentes formacións devanditas. Sen eles non seriamos qeun de desenvolver este labor.

 

Xa para rematar, agradecer a toda aquela xente que se achegou para acompañarnos no local que, por sorte, quedou pequeno para tanto público asi como ás autoridades dos dous concellos implicados: a técnica de cultural de Padrón e a conselleira de educación María C. Álvarez e o Sr. Alcalde Martiño Noriega do concello de Teo, pois a súa presenza axuda a que estes actos recollan e reforcen o grao de importancia que deben ter. recoñecer asi mesmo o labor destacado de persoas e entidades «anónimos» pola difusión da nosa cultura e obra realizada.

 

Dende a Asociación Cultural a Regionalista queremos contribuir á recuperación da memoria perdida destes conxuntos dando ao prelo un libro sobre os diferentes grupos de requinta que existiron no noso concello de teo e no lindeiro de Padró polas influencias e nexos de unión. Esta é a mellor forma que atopamos de agradecer o gran labor de difusión da música tradicional do Ulla dos que no seu día foron e son os nosos conveciños.

 

 

 

 

 

 

Paulino do Vinculeiro

Corría o mes de novembro do 2006, cando decidimos facerlle unha visita ó Sr. Paulino Levorán Seoane, máis coñecido como «Paulino do vinculeiro» coa clara intención de facerlle unha simple entrevista, xa que el era un dos últimos carreteiros que quedaban no noso concello. Relatándonos historias incribles comezou aquela tarde de domingo: o estraperlo, os subornos no fialato, enganos aos gardas da vila, como dicía el: «a vida mesma nunha época moi dura»; e no medio de tantas e tantas historias xa algo afónico comezou a cantar un deses cantos que se facía acompañar nos traxectos de carreteiro, coa súa variña na man, e cuberto por un sombreiro de ala botou a andar unhas coplas desas que hai anos se podían escoitar polos camiños e corredoiras, ao igual que o asubío do carro que o acompañaba no traxín de ir dun lugar para outro.

Sen dúbida ningunha o que máis nos chamou a atención do Sr. Paulino foi o seu enorme sentido do humor, levado á ironía con moita retranca, por suposto sempre sen lle faltar ao respecto a ninguén. Cada historia que contaba dábanos unha lección maxistral do que era a vida mesma, e detrás de todos estes relatos agochábase unha ensinanza, xa que el consellos non daba. O noso protagonista consideraba que «cada home ten que vivir ou afrontar o destino para o que naceu, eu nacín para carreteiro».
Conversar con Paulino era como retroceder no tempo hai máis de sesenta anos, grazas á súa memoria recordaba como era a vila de Santiago, os seus arredores e sobretodo os camiños que levaban a ela, unha ampla visión de como se vivía e que é o que acontecía naqueles anos tan difíciles da posguerra.
O oficio de carreteiro aprenderíao de moi rapaz, da man de seu pai que tamén o exercía. Sendo un pícaro xa axudaba a carrexar cos bois e con só quince anos xa relevou a seu pai. Pouco a pouco iría coñecendo as delixencias deste, pero tamén a dureza que se reflicte neste verso que el aprendeu:

«A vida do carreteiro

é unha vida empenada

nin come carne nin oi misa

nin durme na cama»

Moitas das horas de viaxe de Paulino, e de calquera outro carreteiro, transcorrían cando o sol xa pechara: «Éche ben certo! A maior parte do tempo, sobretodo das noites, pasabámolo polas corredoiras. Un chegaba tarde á casa e ó día seguinte había que madrugar ás cinco ou seis da mañá para gañar 15 pesetas das de antes. De feito, as noites son tan fermosas como traicioneiras, dous ou tres quilómetros a pé e outros montado no carro para así enganar o sono e chegar ó destino».
As andainas de Paulino transcorreron sempre na compaña dos seus bois, compañeiros de viaxe: «Eran os meus amigos, nobres e humildes, capaces de voltar á casa eles sós e bruar á porta para avisar que xa chegaramos».

Moito mudaron os tempos dende aquela. Se comparamos cos actuais carreteiros (camioneiros) apenas existían nos longos traxectos pousadas onde facer parada e poder mollar a boca ou refuxiarse dunha treboada. Atrás quedan aqueles días onde se oía cantar o carro, orgullo do seu dono, polos camiños e corredoiras que cruzan os lugares do país.

A través da figura e en memoria do Sr. Paulino, finado este 2012, queremos recordar e pór en valor o labor dos carreteiros do país, profesión que coma outras tantas xa forma parte dos oficios de antano e son patrimonio inmaterial galego.