Powered by Max Banner Ads 

Danza de Antroido no Ulla

14 07 2011

 

danzantes de antroido en Reis (Teo)
A expresión do Entroido recolle no país diversos costumes e tradicións que fan desta festividade un evento moi rico e variado culturalmente, tornándose especifico en diversas áreas xeográficas.
Na zona que nos concerne, a comarca da Ulla, atopamos os coñecidos coma xenerais, exército vestido con roupas decimonónicas que percorre os lugares da parroquia dando as vivas ós patriarcas das casas a cambio dun donativo. Na actualidade isto é o máis salientable, atrás quedan as esquecidas danzas de Entroido na Ulla nas que, acompañando os xenerais, van os coros de vellos e bonitos. Estes últimos -formados pola mocidade- son os que normalmente interpretaban as danzas alí onde eran ben recibidos pola xente e, se o sitio o permitía, logo de executar o baile repuñan folgos cos pratos típicos: filloas, orellas, chulas, carne da cachucha, viño do pais, caña, anís.. o que se chama “pór a mesa para o Entroido”.
Verbo da vestimenta dos danzantes, as variacións foron notables no chamado “coro de bonitos”. Antigamente vestían de arriba a abaixo de branco -homes e mulleres-, portando mantóns de ramos e caxemir con bandas de cores, colares brancos e cadeas douradas. Os directores destacaban polas súas gorretas e chaquetas vistosas pero, máis se cabe, polos chambergos, sombreiros característicos da Ulla de forma cónica recubertos de pluma de ave e motivos vexetais; só se conservan na parroquia de Santeles, A Estrada, pois nos demais lugares xa se perdeu a tradición de mantelos.
Vestimentas de antroido, onde se aprecia o "chambergo", Santeles - A Estrada
Con respecto á danza, esta foi recollida entre o concello de Teo e o da Estrada a diferentes informantes que curiosamente non a bailaran, simplemente lembraban vela representar antes da “guerra de España”. Os nosos protagonistas aprendérona por imitación, sendo rapaces moi novos. A estrutura do baile é sinxela: divídese en fila, cruzamento e parte de punto que se executa sempre seguindo unha forma xeométrica, ben un triángulo, un cadrado, un círculo, unha liñas… segundo as zonas e gustos de quen a interprete. Ao igual que no resto dos nosos bailes existe a figura do guía, encarnada na figura dos directores do coro de bonitos; eles serán os encargados de dirixir a representación.
A importancia desta danza reside na súa recuperación, xa que é unha tradición perdida que acompañaba o Entroido galego na comarca da Ulla. Coa esperanza de que nalgún momento sexa de novo interpretada no seu contexto, para o que foi creada e desenvolvida, animamos ás asociacións carnavalescas para que a recuperen e non deixen morrer as tradicións que nos identifican, evitando así a importación de costumes alleos que favorecen a globalización cultural e que son destrutores do propio. As roupas brancas do coro de bonitos, os chambergos, a presenza do gaiteiro…,  son elementos específicos e únicos do Entroido da Ulla.


Tributo o Sexteto Enxebre Hermanos Lamas

12 01 2011
Nesta ocasión queremos renderlle especial tributo ao Sexteto Enxebre Hermanos Lamas no Centenario do seu nacemento (1910-2010).

Formado en Cornide-Teo, representaron á perfección o que foron as charangas ou murgas do século pasado no país. Seguindo a evolución natural, dende a gaita como instrumento solista ata a confluencia con outros instrumentos, como foron os de vento, conseguiron darlle á súa formación unha cor e un timbre novidoso para co son final nesta mestura de gaitas, saxo, clarinete,….
Moito do éxito do sexteto teense foi por mor da súa proxección no tempo, cen anos que superaron unha Guerra Civil e que lles outorgaron gran sona en toda a bisbarra.
Instrumentalmente, outro dos elementos novidosos foi a incorporación do saxo soprano, moi chamativo e pouco usual, xunto co clarinete, gaitas e percusión propia de banda (caixa e bombo con pratiños). Con tal formación, souberon adaptarse ás modas chegadas de fóra, aspecto que podemos comprobar na incorporación de variados ritmos foráneos: rumbas, foxtrot, habaneras, polkas, tangos, etc., moi demanda
dos polo público máis novo.

Dende o nacemento do Sexteto Enxebre Hermanos Lamas, moitas foron as cousas que mudaron ata a actualidade, cen anos que dan para lembrar aqueles bailes á saída da misa ou os concertos entre os descansos de orquestras. O secreto da súa unión, fai avivar e perdurar no tempo o recordo duns irmáns que revolucionaron o panorama musical da comarca santiaguesa.
Entre os seus integrantes, ao longo das tres xeracións dos Lamas, temos que destacar en primeiro lugar ó Sr. Ramón Lamas, líder incombustible e quen se encargaba, entre outras cousas, dos arranxos das pezas, pois destacaba en formación mus
ical (saxo e clarinete). Seu irmán, Pancho Lamas, piar básico da unión no nexo familiar polo seu bo carácter e musicalmente home polivalente (gaita e percusión), coñecido ademais polos seus aturuxos. Sen ter o apelido Lamas, J. A. Furelos, gaiteiro principal que destacaba polo seu gran fol da gaita co cal se axudaba para poder cantar e tocar. Estes foron tres piares fundamentais do sexteto, de principio a fin, encargados de formar os novos membros do grupo, tanto do núcleo familiar -fillos de Pancho (Manolo, Modesto e José) coma alleos a este -sobriños de Furelos (Manolo, Germán e Alfonso)-. Verbo disto, foron varios os integrantes que se criaron musicalmente da man de Ramón, quen impartía academia de vento de modo gratuíto na casa.
Coa desaparición destes tres piares, Ramón, Pancho e Furelos, a formación seguiu o seu percorrido como ‘Sexteto Enxebre Hermanos Lamas’ sen que houbera ningún integrante familiar con tal apelido, mais constatando así a pervivencia ata ben entrada a década dos noventa, onde desaparece como grupo profesional de música tradicional.
Co gallo do centenario conseguimos xuntar os últimos músicos que formaron parte activa deste clan familiar dos Lamas e así poder homenaxear a súa traxectoria. Este logro, do que eles son os únicos protagonistas, realizouse contando coa presenza de José Lamas (saxo) e Modesto Lamas (gaita) -fillos de Pancho Lamas-, quen na súa xuventude formaron parte do sexteto xunto co seu irmán Manolo, xa falecido, constituíndo a Segunda xeración dos Lamas. A continuación collería o relevo Germán A. Soneira (gaita) -sobriño do gaiteiro Furelos-, quen seguiu os pasos de seus irmáns no grupo e que foran introducidos por seu pai e tío na charanga. Germán xera unha nova forma de interpretar os temas, dado a súa gran maxistralidade no tanxer da gaita. Manuel Sande, derradeiro bombista da formación, formou parte da Terceira xeración dos Lamas, magnífico  a hora de interpretar os temas co seu bombo e pratiños. Por último, Miguel Lamas (clarinete), neto de Pepe Lamas e bisneto dos fundadores, asegura a continuidade no que é a Cuarta xeración dos Lamas. Nel recae toda a herdanza do patrimonio musical dos seus antepasados, constatando a transmisión dos xenes musicais familiares.
Nesta breve interpretación televisiva no programa Luar, elixiron de entre todo o seu amplo repertorio o pasodobre ‘Os Cabezudos’, dado que é unha peza moi significativa para eles, pois foron moitos anos tocando as danzas para os Cabezudos de Santiago de Compostela á parte de gustar moito nas festas e verbenas onde concorrían. En tales festas, alá polos anos corenta, producíanse as ‘remudas’ -representadas nesta interpretación da A.C.A Regionalista cos Lamas- e consistentes en cambiar de parella no baile coa peculiaridade de que o home que está a bailar coa moza ten que ceder gustosamente a súa parella no momento en que é solicitada por outro cabaleiro. Esta ‘remuda’ pódese producir en calquera momento do baile, non ten por que esperar a que acabe, e a moza non debe negarse á petición do novo danzante, para un correcto cumprimento desta acción social; mentres, o mozo que queda sen parella, e facendo propio, solicita o baile doutra moza. Estas accións tiñan o inconveniente de provocar numerosos enfrontamentos entre o sector masculino, coñécense casos moi sangrantes de pretendentes dunha mesma moza nos que algún home acaba gravemente ferido de arma branca ou de fogo, polo que acabar a paus non era o peor en moitos casos. A cortesía desvirtuábase e moitas veces aproveitábase para amolar un rival no cortexo dunha dama, para non deixar que bailara con ela en toda a festa. Hai que dicir que tan só se respectaban as parellas casadas.


O Gaiteiro de Pacios – A Fonsagrada

8 01 2011
O pasado sábado 27 de novembro 2010 a Fonsagrada tinguiuse de loito xa que despedía a un gran gaiteiro e mellor persoa, Don Justo González Bolaño, máis coñecido como Justo de Pacios, “da casa do rego”.
Aos seus 81 anos deixounos o que consideramos coma un mestre gaiteiro. Aqueles que tivemos a sorte de o coñecer sentimos tamén a perda dun amigo, dunha persoa entrañable a cal tiña unha filosofía de vida intrínseca á súa forma de vivir e de sentir este mundo.
Corría o ano 1998 cando, levados da man de Don Aquilino Fernández, fomos visitar o seu amigo e compañeiro de fatigas, e de afección pola caza, o Sr. Justo. Moitos eran os lazos que unían estas dúas persoas. Con tal anfitrión, o señor Justo non dubidou en sacar a gaita para ofrecernos o mellor do seu repertorio de tal xeito que axiña comprendemos a magnitude da calidade e virtuosismo de seu coma músico.
O seu gusto e bo facer pola nosa música levouno, en anos de mocidade, a formar un quinteto -presenza de clarinete- cos seus veciños da Puebla. Co seu compañeiro “Pardiñas”  e outros chegaron a acadar gran sona na comarca. Co paso dos anos, e máis na actualidade, foi moi recoñecido e famoso no mundo da gaita galega por unha peza que el interpretaba ‘do lindo’: “O xiriguelo de Pacios”, moi recorrida polos gaiteiros en concursos ou exhibición, xa que require dun gran tempero e destreza, ao igual que o restante repertorio de Don Justo.
Para toda a súa familia, e en especial para a súa dona Celia Pérez Maguide, o noso máis sentido pésame.


Homenaxe á Familia Mouzo

19 11 2010
A través da figura de D. José Mouzo Gándara queremos homenaxear a todos os galegos que levaron a música galega fóra do país, pois con eles viaxaron as raíces, tradicións, costumes e, en xeral, a cultura que nos identifica coma pobo. Estes homes e mulleres souberon espallar e fomentar o folclore propio alá onde se atopaban. Grazas a estas persoas pervive o xeito galego de entender a vida.
A familia Mouzo está vinculada á música tradicional galega na diáspora, xa que alá polos anos corenta (1948) emigran dirección a Bos Aires, coa maioría de idade, Servando (finado) e José Mouzo Gándara, do lugar de Tufiáns situado no concello de Muxía. En terras americanas coñecen o que sería o seu ilustre mestre D. Manuel Urbano García Pose (finado), gaiteiro de “Airiños da casa de Galicia” e director do “Conjunto Regional Galicia” que logo pasaría a chamarse “Grupo Musical Galicia”, entre outros conxuntos.
Dos diversos tipos de agrupacións musicais do colectivo galego os denominados como “conjunto regional” son os máis representativos. Coñecidos aquí en Galicia como “Charangas ou Murgas”, pois eles non contemplan estas denominacións no seu vocabulario.

Foi tal o seu éxito que houbo máis de 50 formacións.
Eran contratados para os bailes nos centros e casas de Galicia os xoves, venres e sábados pola tarde baixa e nas festas campestres que as institucións e colectivos galegos organizaban os domingos.
D. José Mouzo recorda perfectamente os bailes que se celebraban nos diferentes clubes das colectividades galegas. Os concertos duraban entre dúas e tres horas nos que a xente non paraba de danzar muiñeiras e jotas, pero sobretodo pasodobles, cumbias, habaneras, tangos…etc.; os agarrados eran o máis demandado polo público. As lembranzas tristes tamén tiveron presenza, como o día que lle roubaron todos os instrumentos, en especial as gaitas prestadas polo seu querido amigo Avelino, máis coñecido como “o Flaco”, membro destacado do Conjunto “Os Monfortinos”.
Coa morte de D. Manuel Urbano toma o relevo na dirección do conjunto a familia Mouzo, é dicir, o patriarca da familia D. José e logo o seu fillo Óscar no que sería o seu “retiro” como gaiteiro .
Os conjuntos musicais ou Regionales foron nacendo de diferentes clans familiares, pois estes xurdían doutros a piques de descompoñerse converténdose noutros novos, o que explica os diferentes cambios de nome. Ó longo da súa vida moitos eran os seus integrantes o que provocaba a variación no número de músicos e instrumentación. Todos xiraban en torno ós cinco ou sete números.

Queremos agradecerlle a Juan Mouzo todo o labor prestado na investigación dos grupos rexionais na diáspora.
Juan Mouzo naceu no seo dunha familia que tiña moi interiorizada a música tradicional galega, pois tanto seu pai, José Mouzo, coma diferentes familares próximos ó contorno no que el se foi criando -coma seu tío Servando Mouzo- xa formaran conxuntos rexionais a nivel familiar dos que Juan foi parte activa.
Na década dos noventa decide volver ás orixes, ás raíces de seus pais e avós, a Galicia, para establecerse de forma estable e sen esquecer a música. Nun curto espazo de tempo formou parte activa en diferentes agrupacións como Cantigas e Agarimos, Xochilmica ou, como non, do noso grupo Alvariza.
Dicir que para nós continúa a ser un amigo incondicional por riba de todo. Musicalmente podemos falar dun portento e mestre sen igual á hora de interpretar as pezas co seu bombo con pratiños.
É tan forte a súa vocación pola música que logrou implantar nos seus pequenos, Juan Manuel e Lucio, o xerme musical da familia Mouzo e continuar así os seus pasos asegurando unha xeración máis de músicos na familia.


Video de Presentación do Homenaxe Centenario ó sexteto Hermanos Lamas

30 09 2010

A continuación deixamovos o video  co que se iniciou a presentación do Homenaxe Centenario ó Sexteto Hermanos Lamas.

[tube]http://www.youtube.com/watch?v=bY3oe_x6RYY[/tube]



Homenaxe o “Sexteto Enxebre Hermanos Lamas”

19 09 2010

No II Ciclo “PERSOEIROS DA TERRA” temos a honra de presentar a homenaxe centenaria do Sexteto Enxbre Hermanos Lamas. Neste ano 2010 os Sexteto creado polos Irmans Lamas cumpre 100 anos.

Para este evento que se realizará o Domingo 26 de setembro no Local Social de Luou, editamos un libro coa historia de estos devanceiros para a sua época.

Ademáis teremos o pracer de escoitar a musica dos Lamas tocada polos últimos representantes de este sexteto, coa participación añadida de Alvariza e da Asociación Cultural “A Mamoa” que colabora con nos na presentación de este homenaxe.



PROGRAMA ANUAL DE HOMENAXES A PERSOEIROS SENLLEIROS DE TEO NO EIDO MUSICAL

20 04 2010

 Dende a Asociación A Regionalista preténdese levar a cabo un programa de homenaxes a persoeiros senlleiros do eido musical no noso Concello de Teo. 

Con este programa pretenderase saldar unha débeda histórica que temos cos distintos persoeiros destacados que nos dou a nosa terra e que formaron a moitos dos músicos do noso concello. Ao mesmo tempo tamén se converte nunha inmellorable ocasión para dar cita as distintas entidades e asociacións do noso concello para tocar xuntos e ter un día de convivencia entorno a estes persoeiros que colaboraron dun ou doutro xeito con eles. 

Tamén como non, servirá  de escaparate a modo de memoria histórica para darlle a coñecer a todods os veciños, tanto residentes como non, asi como ós visitantes actuais e petenciais, e ós aficionados á música, as persoas que asentaron as bases da música en Teo e estallaron as súas notas máis alá dos nosos límites levando o nome do noso concello.



Juan Alén. Acordeonista en Cacheiras, Teo

22 02 2010
No interior dos lindes teenses xermolou un fructífero número de acordeonistas que se espallaron alén do noso municipio. Entre eles, o Sr. Juan quen, en diversas ocasións, foi capaz de nos transmitir o seu legado materializado en extensas sesións, rescatadas da súa memoria e que conformaron un amplo repertorio propio dos acordeonistas da terra.
O Sr. Juan de Alén converteuse nun dos últimos tanxedores de acordeón diatónicos de tantos que poboaron Teo; só en Cacheiras contabilizamos uns dez, cifra bastante elevada para o pouco recoñecemento que se lle deu ata o de agora:
Juan de AlénDaquela eramos moitos os mozos que tocabamos o acordeón; Sabino de Munín, Alfonso de Raxó, meus primos de Cobas…; unha chispa deles, había moita afición.


Na Memoria do Sr. Roberto Casal

20 02 2010
Roberto Casal DevesaA tradición e gusto pola etnografía galega xermolou en nós nos centros culturais e asociacións folclóricas do lugar de orixe de cada un, neste caso no Centro Cultural “Rosalía de Castro”, de Cacheiras. Todo comeza alá pola década dos noventa, cando algúns dos maiores do Centro, movidos polas ansias de recoller e recompilar todo tipo de información sobre os bailes, músicas e costumes de raíz dos nosos arredores, levamos a cabo un importante traballo de campo que aínda hoxe se conserva en devandita  asociación teense.
Pasados uns anos volvemos a vista ao pasado e visualizamos algúns destes traballos de campo, entre as gravacións chamounos a atención un bailador e o seu tanxer nos pasos da muiñeira nos que contrastaba axilidade de pés e elegancia na trasmisión perfecta daqueles movementos.
Logo de facer as pertinentes pesquisas fomos dar con este mestre do baile o mesmo día da festa de Sergude, (era nativo de Lestedo, aínda que pasou a maior parte da vida en Rodiño-Sergude). O gran recoñecemento do que gozaba entre os veciños como gran bailarín do solto facilitounos moitísimo a localización do noso protagonista, o Sr. Roberto.

Roberto Casal Devesa

O noso amigo nunca tivo ningún reparo en transmitir os seus coñecementos a aqueles que alí se achegaban, el era moi consciente de que o de bailar o solto estaba a ser esquecido, xa ninguén bailaba nas festas ao son das músicas.
O bailar en verbas do Sr. Roberto non só se limita a executar uns pasos, é moito máis:
“Unha cousa e bailar e outra, moi distinta, é trasmitir. Para isto, un ten que bailar coa parella seguindo a música pero, ante todo, mostralo con todo o corpo. Non vale de nada marcar moi ben cos pés se a cabeza e os brazos van para outro lado, sempre hai que ir axeitados ao baile”.
Dende logo el nacera con ese don, algo innato que se levaba dentro e xermola con só escoitar a música. Lembra que xa dende neno o baile lle levou moita idea, aprendía axiña e dunha maneira rápida: “non me levaba tempo ningún”. De feito, cando comezaba a bailar nas festas ás que acudía era quen de atraer sobre el as miradas dos alí presentes, por moi remisos que foran a estes bailes. Así nolo demostrou nunha das visitas pois, con case oitenta anos, comezou a debuxar uns pasos cos pés ante os que quedamos marabillados.

Roberto Casal Devesa

Consciente do esquecemento no que ía caendo o baile solto, o Sr. Roberto amosou unha vontade constante por ensinar e transmitir, algo que o convertía nunha persoa entrañable. As ganas de adoutrinar no folclore aos que tiña ao seu redor nunca faltaron, en especial aos seus fillos, aínda que xa estes bailes non tiveran a aceptación social de antano entre a mocidade.
O Sr. Roberto Casal Devesa, foise aos 92 anos de idade deixándonos os mellores recordos como conservador-loitador empedernido do folclore galego. A el o noso máis sincero cariño e agradecemento.


Homenaxes os nosos transmisores

31 01 2010

A asociación A Regionalista vén realizando en colaboración co programa Luar da RTVG diferentes homenaxes aos nosos transmisores, aqueles que, de forma desinteresada, nos amosan un modelo de vida hoxe en decadencia. A finalidade destes pequenos tributos é salvagardar e dar a coñecer a sabedoría, verbo da cultura popular, que ofrece o paso dos anos e a experiencia vital.

A nosa intención é realizar unha pequena mostra, a modo de pincelada, amosando o máis destacado da cultura popular do país en canto a: música, ritmo, formación, estrutura, coreografía, acompañamento, vestimenta,… Cómpre especificar que debemos ser moi conscientes de que calquera interpretación-tradición sacada do seu contexto orixinal e levada a un escenario sofre unha modificación notable. Desde o momento en que lles estamos a presentar unha danza aos espectadores desfiguramos e desvirtuamos a realidade; só conseguiremos achegarnos á mesma procurando unha aproximación o máis fidedigna posible do que ocorría nestas manifestacións socioculturais.

No contexto televisivo cómpre ter en conta que nos temos que adaptar a unha programación onde o tempo se reduce cuantiosamente. En escasos 5 minutos realizarase un breve contacto cos informantes a modo de presentación -normalmente atópanse nerviosos pola situación- e deseguido ten lugar a interpretación da danza pensada para ese momento.

A finalidade destes actos televisivos é dedicarlles un espazo aos nosos maiores para lles agradecer publicamente o labor de trasmisión oral que nos amosan e sobre o que se sostén o folklore do país conformando os piares necesarios para a pervivencia da cultura tradicional.