O ciclo do ano- Os Maios

Os Maios ou Madamas na provincia da Coruña.

Gaiteiros e mulleres encargados de interpretar as rondas e cantigas propias dos maios
Gaiteiros e mulleres encargados de interpretar as rondas e cantigas propias dos maios

Nos últimos días de abril e primeiros de maio teñen lugar estas celebracións nas cales mulleres e homes se xuntan para cantar. A alegría polo espertar da natureza maniféstase nestas datas en diferentes lugares do mundo e de forma moi diversa. Ritos ancestrais cheos de colorido na nosa cultura solicitan na festividade das flores evitar o mal fario nos campos e poder ter unha boa colleita.

O espertar da natureza conleva o renacer do sentimento amoroso e, consecuentemente, o canto á beleza que nace arredor do xénero femenino quedará patente musicalmente nas Madamas.

Segundo varios dos nosos transmisores, e coincidindo coa orixe destes cantos, recordan dos maiores do lugar que estas pezas se interpretaban no mes das flores, mais co devir do tempo pasaron a ser propias do mes de decembro producíndose unha adaptación destes cantares ao ciclo natalicio, cuestión que explica a preseza dunha  licenza, a modo de introdución, nos primeiros pés na que se lle solicita permiso aos presentes para a interpretación e finalmente remata solicitándose o aguinaldo,como propio das composicións do ciclo de Nadal.

As madamas en comparación con outras cantigas propias dos maios, tematicamente, non teñen nada que ver, de feito moitas destas últimas recollidas na zona de Pontevedra e Ourense teñen un espíritu crítico político-social que non posúen as madamas. O que se facía era unha descrición desde a cabeza ata os pés dunha determinada muller, mencionando as súas cualidades físicas e destacando os seus atributos desde o cabelo, ollos, peitos…

Esta composición tan fermosa, propia do maio, recollémola no lugar de Brates – concello de Boimorto-.  Vai en honor a todos os veciños de Brates e en especial o Sr Cacharrón que fixo posible a gravación deste documento sonoro.

[audio mp3=»http://www.aregionalista.es/mp3/CiclodoAno/Madamas.mp3″ preload=»true»]