Juan Alén. Acordeonista en Cacheiras, Teo
22 02 2010Categorias : Homenaxes, Mención Especial
Presentamos a que pode ser a última testemuña viva do que foron os bailes soltos no concello de Teo. A Sra. Antonia é un dos derradeiros exemplos de tradición na zona teense. Nada en Tribaldes, na parroquia de Bamonde-Teo, criouse nunha familia numerosa na que ela era unha das máis novas, a diferenza co seu irmán maior Manuel era de máis de dez anos. Todos eles compartían o gusto polo folclore sendo grandes bailaríns ou músicos como o caso do Sr. Alfredo, gaiteiro de Bamonde e clarinetista na Banda Artistica de Vilariño. Coma moitos naquel tempo, aprendeu a bailar e a tocar acudindo ás troulas que se celebraban con motivo dalgunha festividade e sen máis ánimo ca desfrutar e divertirse. O seu rol serviu para reforzar os lazos de unión na convivencia veciñal .
O que máis lle gustaba a Don Alfredo era a música de acordeón, dicía: unha soa persoa era quen de faser música para un baile, e saíanos moito máis barato que contratar un ghrupo de ghaitas e xa non falemos dunha pequena Música (con este nome era como se coñecían as bandas que eran reservadas para o día grande do patrón). Moito temos bailado co acordeón de Barrros dos Mestros (Reis, Teo). Empesaba cuns agarrados, pasodobles, valses, rumbas…, e logho sempre botaba unhas muiñeiras que fasían levantar as pernas; a min íanme moi ben os pateados corridos. Que tempos aqueles, nos que bailábamos na casa da sosiedade, no campo da festa á saída da misa ghrande… Hoxe todo iso mudou, a xente non sabe devertirse, non acoden ás romarías en ghrupos para mosear e, moito menos, para bailare porque non saben o solto e, se me descoido, nin o agharrado.
A presenza do acordeón no país.
Este instrumento está asociado de seu ao oficio dos cegos que pedían esmola, pois na nosa e noutras culturas valíanse del para recitar as historias de cordel. O certo é que non podemos caer nesta simple asociación, pois a presenza do acordeón tivo unha fonda e rica repercusión en toda Galicia.
Os modelos que primeiro chegaron a Galicia foron os diatónicos, máis coñecidos como de botóns, moi arraigados no país veciño e que se estenderon por toda a rexión. A década dos cincuenta foi a máis fructífera en acordeonistas, fenómeno e moda moi estendida no país. Estes acordeonistas eran afeccionados que interviñan nas festas de xeito esporádico e improvisado, animando coa súa música as foliadas dos domingos, vodas, romarías…, encargándose de promover e continuar coa tradición.
Algúns destes músicos fixeron dunha afección case unha profesión asistindo ás festas a cambio duns cartos acordados previamente. O evoluír deste instrumento na nosa terra deu paso a formacións musicais que incluían o acordeón; as orquestinas e, co tempo, as grandes orquestras foron quen de lle dar a xusta presenza no panorama musical galego da época. Neste sentido podemos destacar a famosa orquestra da Coruña Os irmáns Mallos, que baseaban todo o seu repertorio no gusto polo acordeón.
Cómpre mencionar que un dos principais motivos para acadar o acordeón tal presenza na nosa cultura musical foi a chegada dos acordeóns piano, o que supuxo outra pequena revolución. O sistema de tanxido era máis sinxelo cós existentes ofrecendo á vez máis posibilidades á hora de interpretar calquera peza.
A boa acollida en todo momento do acordeón no noso folclore supuxo implicitamente que formase parte do mesmo adaptándose á interpretación dos ritmos máis tradicionais tales coma muiñeiras e jotas. O seu son outorgoulle unha viveza ao baile solto galego rexistrándose á vez influencias portuguesas (viras e outros compases propios do país veciño), do mesmo xeito que foron testemuñas dos ritmos achegados pola masiva emigración galega, principalmente de América do Sur: tangos, boleros, cumbias…
Nestes anos debemos destacar o papel xogado pola radiodifusión, determinante para incorporar melodías denominadas demodé.
Na actualidade o panorama é outro, pois os nenos non teñen o acordeón como instrumento predilecto para tomalo como afección e os nosos maiores cada vez son menos os que poden transmitir o seu bo tocar. En consecuencia, só nos queda agradecer a todos o labor desinteresado ao volver coller o acordeón para interpretarnos aquelas pezas case esquecidas. Como claro exemplo disto contamos co Sr. Don Juan Alén, de Cobas-Cacheiras, quen foi capaz de ensinarnos esta muiñeira que xa tocaba seu pai nas festas.