Vámola Alboreando – Os Enxebres de Cacheiras

 

Se falamos de cuartetos enxebres na nosa comarca de Santiago temos que facer referencia ao cuarteto da Chaparra liderado por Aurelio Sixto Novio, pois foi o que máis influíu na música tradicional do lugar, modelo a seguir en toda a contorna. Mestre de numerosos gaiteiros como Sr. Pedroso das Casas Novas quen ricibíu clases da man de Aurelio. Tralo conflito bélico do 36, o Sr. Manuel Landeira acode xunto a Manuel Otero de Bornais, compañeiro de Sixto, con quen dá os primeiros pasos do que pronto sería o seu propio cuarteto en Cacheiras.

Peza clave neste estudio sería Marcelino Gondelle que aos seus máis de 90 anos recordou para nós a súa historia musical,como el di: Fun moi afortunado ao tocar con Sixto da Chaparra, un gaiteiro que lle facía fronte ao mesmo Cachafeiro, sen lle envexar nada. A principios dos corenta comenza a tocar no cuarteto liderado polo Sr. Landeira, onde coñece ao Sr. Munín do Eixo (Sta. Lucía) que se consolidou como compañeiro durante case que vinte anos. O Sr. Gumersindo Munín aprendeu solfa da man do cura de Aríns, a súa primeira actuación cos Enxebres foi no ano 43 no lugar de Pai da Cana (Conxo). Logo chegarían distintos premios e distincións a este cuarteto emblematico de Cacheiras.

Nós destacamos que os Enxebres poden ser considerados como un grupo profesional da música tradicional, pois aínda que todos tiñan outras tarefas ou ocupacións a maior parte da súa actividade estivo vinculada á música remunerada, convertendo a súa vocación nunha profesión e nun xeito de vivir.

Escoitaremos un pasacalles interpretado polo Sr. Marcelino e o Sr Munín. Este popurri de pasodobre e muiñeira non é máis que unha interpretación de «A volta da festa», gravado polos Soutelos de Montes. eles, os Enxebres de Cacheiras, recoñecen que escoitaron nun magnetofón esta melodia e lles gustou tanto que decidiran aprendela axiña para a incorporar no repertorio. Ao non lle coñecer o nome  titulárona « Pasodoble Cacheiras«, en homenaxe ao lugar do que eles proviñan.