O Gaiteiro de Pacios – A Fonsagrada

O pasado sábado 27 de novembro 2010 a Fonsagrada tinguiuse de loito xa que despedía a un gran gaiteiro e mellor persoa, Don Justo González Bolaño, máis coñecido como Justo de Pacios, «da casa do rego».
Aos seus 81 anos deixounos o que consideramos coma un mestre gaiteiro. Aqueles que tivemos a sorte de o coñecer sentimos tamén a perda dun amigo, dunha persoa entrañable a cal tiña unha filosofía de vida intrínseca á súa forma de vivir e de sentir este mundo.
Corría o ano 1998 cando, levados da man de Don Aquilino Fernández, fomos visitar o seu amigo e compañeiro de fatigas, e de afección pola caza, o Sr. Justo. Moitos eran os lazos que unían estas dúas persoas. Con tal anfitrión, o señor Justo non dubidou en sacar a gaita para ofrecernos o mellor do seu repertorio de tal xeito que axiña comprendemos a magnitude da calidade e virtuosismo de seu coma músico.
O seu gusto e bo facer pola nosa música levouno, en anos de mocidade, a formar un quinteto -presenza de clarinete- cos seus veciños da Puebla. Co seu compañeiro «Pardiñas»  e outros chegaron a acadar gran sona na comarca. Co paso dos anos, e máis na actualidade, foi moi recoñecido e famoso no mundo da gaita galega por unha peza que el interpretaba ‘do lindo’: «O xiriguelo de Pacios», moi recorrida polos gaiteiros en concursos ou exhibición, xa que require dun gran tempero e destreza, ao igual que o restante repertorio de Don Justo.
Para toda a súa familia, e en especial para a súa dona Celia Pérez Maguide, o noso máis sentido pésame.