Foliada en Budiño

Trasmisores

Os nosos transmisores son cuñados e, de mozos, acudían a estes eventos nos que tomaron boa nota dos bailes que alí se producían. Eles foron quen de nos ensinar do mesmo xeito que os máis vellos llelo aprenderon. A Sra. Dona Leonor Barreiroe o Sr. Don Jesús de Franqueiro son dous magníficos bailadores da parroquia de Budiño aos que lles queremos agradecer publicamente a atención que nos prestaron a través desta pequena actuación.

Dentro dos ritmos musicais, unha foliada revélanos un compás próximo ao das jotas. Por extensión, este termo identifica unha pequena xuntanza ou encontro de xente nova -e non tan nova- sen máis motivo que o de divertirse (bailar, cantar, mocear, conversar… etc.).

Na nosa terra a música sempre estivo ligada aos labores da casa e, consecuentemente, aos do campo. Unha vez pasados os longos meses de inverno nos que se acudía aos fiadeiros -realizados no interior dalgunha das dependencias da casa- pasamos, co bo tempo, ás eiras e aos saídos das vivendas. Logo pois da estación invernía era frecuente que os domingos se celebrasen, a partir das cinco do serán ata ben entrada a noite, as devanditas foliadas.

A Regionalista

O sistema “de boca en boca” era o empregado para establecer o lugar, a hora e demais información; uns avisaban aos outros e así en pouco tempo estendíase a nova por todo o lugar. Nestas convocatorias o tanxer das pandeiretas amenizaba o festexo, sendo as propias nais e avoas as que repenicaban con dúas misións claras: por un lado, animar a foliada, mentres ensinaban a tocar ou ben a trazar algún punto (sistema de transmisión oral mediante a repetición de pasos); por outro lado, asistían ás foliadas co gallo de controlar que as rapazas non foran enganadas por ningún mozo galante capaz de aproveitar calquera descoido para enlear algunha moza.

Neste contexto, toda foliada que contase coa presenza do gaiteiro viña a converterse nunha festa inesperada, chegando a acudir xente de lugares afastados que percorría a pé varios quilómetros con tal de achegarse ao festexo. Este acontecemento rara vez acontecía, pois o gaiteiro era un “ben escaso” e, de chamalo, había que pagarlle. Outra opción para contar co devandito músico era a sorte de que pretendera algunha rapaza do lugar, entón aparecía facendo gala do seu mellor talante e repertorio co fin de engalanar a moza. Os factores expostos xustifican que a figura do gaiteiro fose ben atendida nos lugares onde se presentaba, mesmo en ocasións a nai da rapaza pretendida, estando de acordo co noivado, agasallaba ao gaiteiro e aos da foliada con algún tipo de doce (rosquillas, biscoitos…) amosando o seu interese e tamén como forma de pago. Á par, dábase a entender que a casa que agracia aos convidados amosa o seu poder agroeconómico, unha casa forte e rica fronte a outras máis modestas.

A Regionalista

Dentro deste tipo de festexos resulta curioso que no Val de Amahía, en concellos coma Teo, Ames, Boqueixón…, falen das “foliadas dos montañeses”, pois os montañeses -como eles os alcuman- son a xente que “emigraba” das terras altas do Ulla: O Pino, Boimorto, Melide, Arzúa…, buscando unha mellor vida en Amahía. Moitos casaron neste val e con eles trouxeron os seus bailes, música e costumes que rapidamente se adaptaron ao lugar, xustificando así que moita xente anciá coñeza tanto destas terras ullás. En ningún caso o alcume “montañeses” era despectivo, pois tiñan moi ben considerada a esta xente como traballadora e honrada.

Musicalmente, a convivencia establecida supuxo que xente de Amahía aprendese a tocar e a bailar estilo montañés pero, por enriba disto, moitos atoparon compañeiros/as de por vida.