Powered by Max Banner Ads 

A figura de Don Gervasio

16 01 2010

Trasmisor

Orixes

O vinte e catro de xaneiro de 1922 nace o noso protagonista, fillo dun carpinteiro e dunha costureira, Manuel Salgueiro e María Estévez en Cerdeira, Vilariño (Teo). Destacando o seu labor como músico emprendedor na historia do concello de Teo e, en xeral, dentro das bandas de música en Galicia, presentamos a Don Gervasio Salgueiro Estévez.

O evoluír das bandas ao longo dos anos foi vivido e lembrado por D. Gervasio con estas palabras:

As bandas repartíanse en pequenos grupos. Por ejemplo na música de Vea eramos uns trinta músicos case sempre en formación de entre sete e nove membros, dependendo da dispoñibilidade e dos cartos destinados por quen os contratase mais, sete era o número mínimo. Os instrumentos “fixos” nestas actuacións eran o bombardino; saxo baixo, alto e tenor; caixa; bombo e algún clarinete.

A Regionalista

Os seus inicios foron no lugar de Couso onde asistía dúas veces por semana         -aproximadamente á idade de dez anos- ás clases de Don Agustín Pazos. En tempos da preguerra, e dende a casa familiar, camiñaba uns cinco quilómetros para poder aprender primeiramente as notas musicais e, a continuación, coller o seu primeiro instrumento: unha trompeta de cilindros. Ao pouco tempo chegaríalle ás mans o instrumento que o acompañará ao longo da súa vida: o friscorno.

Logo destes inicios chegou a época da guerra, momento tráxico para a evolución das bandas de música que viron interrompida toda actividade e crecemento, que non se verá retomado ao mesmo nivel ata a década dos setenta-oitenta. O conflito bélico supuxo un forte golpe para a música por mor da morte de moitos integrantes de formacións que tiveran que ir á fronte e, posteriormente o exilio doutros tantos, aspectos que fan que desaparezan moitas bandas.

Na súa dilatada carreira, á idade de dezanove anos Don Gervasio decide fundar a Banda Artística de Vilariño, no ano 1941. Por aquel entón era frecuente asistir a academias dúas ou tres veces por semana en lugares máis ou menos improvisados.

O oficio de mestre musical na década dos corenta era considerado de pobres, ao igual que o de mestres de escola, pois non cobraban nada pola academia –como fixera con el seu primeiro mestre- e daquela eran escasos os cartos nas vilas e lugares para contratar actuacións das bandas que dirixían e polas que si cobraban.

Pola man do mestre protagonista pasarían moitos músicos e, aínda que non todos saíron, si houbo verdadeiros talentos que chegaron a vivir da música, o que xa era moito.

Representación e escenografía

En moitas destas festas era frecuente ir “tocar o ramo”, é dicir, acompañar a imaxe do patrón ou patroa do lugar dende a casa do funcionista ata a entrada da igrexa. Coma bos convidados tocaban unhas pezas antes de botar a andar avisando a xente do lugar que se fora achegando para marchar todos en procesión. Unha vez na capela a formación musical oficiaba os actos relixiosos propios da misa como eran o alzar e a procesión e, para remate, un pequeno concerto á saída da misa grande.

A Regionalista

O ramo do patrón é unha réplica dunha imaxe relixiosa en formato pequeno, 30 ou 40 cm dun santo venerado nunha parroquia concreta  (o San Blas de Vilariño ou As Cabezas en Cacheiras), que o día grande é adornado con fitas de cores, caramelos, bombóns, etc… Todas as larpeiradas van envoltas con papeis chamativos e brillantes que conseguen acaparar a atención do público ao igual que as damas que o acompañan, polo xeral mozas da propia casa ou familiares. A comitiva do ramo vai presidida polos músicos.

Principalmente nos anos de escaseza económica a contratación das bandas estaba influenciada polo feito de degustar o que se coñecía coma a “Parva”, é dicir, quen contrataba o grupo de músicos ofrecía un xantar reservando unha mesa do convite só para eles; alá polas once e media da mañá, xa tiñan que comer. Como era o día grande da festa comida non faltaba, uns petiscos e ás veces incluso cocido ou callos, un único prato a repetir, viño do país e algún doce ou larpeirada. A alegría polo comer a fartar era un feito e o trato económico se cadra menor en contía permanecía adobiado con estes manxares.

Antigamente as bandas de música eran tamén coñecidas como “música” ou “músicas”


Acciones

Informacion

Deje un comentario

usted puede usar estos tags : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>