Powered by Max Banner Ads 

Homenaxe á Familia Mouzo

19 11 2010
A través da figura de D. José Mouzo Gándara queremos homenaxear a todos os galegos que levaron a música galega fóra do país, pois con eles viaxaron as raíces, tradicións, costumes e, en xeral, a cultura que nos identifica coma pobo. Estes homes e mulleres souberon espallar e fomentar o folclore propio alá onde se atopaban. Grazas a estas persoas pervive o xeito galego de entender a vida.
A familia Mouzo está vinculada á música tradicional galega na diáspora, xa que alá polos anos corenta (1948) emigran dirección a Bos Aires, coa maioría de idade, Servando (finado) e José Mouzo Gándara, do lugar de Tufiáns situado no concello de Muxía. En terras americanas coñecen o que sería o seu ilustre mestre D. Manuel Urbano García Pose (finado), gaiteiro de “Airiños da casa de Galicia” e director do “Conjunto Regional Galicia” que logo pasaría a chamarse “Grupo Musical Galicia”, entre outros conxuntos.
Dos diversos tipos de agrupacións musicais do colectivo galego os denominados como “conjunto regional” son os máis representativos. Coñecidos aquí en Galicia como “Charangas ou Murgas”, pois eles non contemplan estas denominacións no seu vocabulario.

Foi tal o seu éxito que houbo máis de 50 formacións.
Eran contratados para os bailes nos centros e casas de Galicia os xoves, venres e sábados pola tarde baixa e nas festas campestres que as institucións e colectivos galegos organizaban os domingos.
D. José Mouzo recorda perfectamente os bailes que se celebraban nos diferentes clubes das colectividades galegas. Os concertos duraban entre dúas e tres horas nos que a xente non paraba de danzar muiñeiras e jotas, pero sobretodo pasodobles, cumbias, habaneras, tangos…etc.; os agarrados eran o máis demandado polo público. As lembranzas tristes tamén tiveron presenza, como o día que lle roubaron todos os instrumentos, en especial as gaitas prestadas polo seu querido amigo Avelino, máis coñecido como “o Flaco”, membro destacado do Conjunto “Os Monfortinos”.
Coa morte de D. Manuel Urbano toma o relevo na dirección do conjunto a familia Mouzo, é dicir, o patriarca da familia D. José e logo o seu fillo Óscar no que sería o seu “retiro” como gaiteiro .
Os conjuntos musicais ou Regionales foron nacendo de diferentes clans familiares, pois estes xurdían doutros a piques de descompoñerse converténdose noutros novos, o que explica os diferentes cambios de nome. Ó longo da súa vida moitos eran os seus integrantes o que provocaba a variación no número de músicos e instrumentación. Todos xiraban en torno ós cinco ou sete números.

Queremos agradecerlle a Juan Mouzo todo o labor prestado na investigación dos grupos rexionais na diáspora.
Juan Mouzo naceu no seo dunha familia que tiña moi interiorizada a música tradicional galega, pois tanto seu pai, José Mouzo, coma diferentes familares próximos ó contorno no que el se foi criando -coma seu tío Servando Mouzo- xa formaran conxuntos rexionais a nivel familiar dos que Juan foi parte activa.
Na década dos noventa decide volver ás orixes, ás raíces de seus pais e avós, a Galicia, para establecerse de forma estable e sen esquecer a música. Nun curto espazo de tempo formou parte activa en diferentes agrupacións como Cantigas e Agarimos, Xochilmica ou, como non, do noso grupo Alvariza.
Dicir que para nós continúa a ser un amigo incondicional por riba de todo. Musicalmente podemos falar dun portento e mestre sen igual á hora de interpretar as pezas co seu bombo con pratiños.
É tan forte a súa vocación pola música que logrou implantar nos seus pequenos, Juan Manuel e Lucio, o xerme musical da familia Mouzo e continuar así os seus pasos asegurando unha xeración máis de músicos na familia.


Centenario Sexteto Enxebre Hermanos Lamas de Cornide

19 11 2010
Sexteto Enxebre Her­manos Lamas de Cornide. Centenario (1910-2010)
Fieis á cita anual, a Asocia­ción Cultural A Regionalis­ta edita o segundo libro dentro do Ciclo ‘Persoeiros da Terra’ dedicado ao Sexteto Enxebre Her­manos Lamas de Cornide. Centenario (1910-2010), e que recolle a vida da formación teense repartida en tres xeracións.
A presentación do libro veu acompañada no seu día dunha exposición co material recompilado en hemerotecas e prestado para a ocasión polas familias e amigos dos irmáns Lamas: instrumentos orixi­nais, partituras centenarias e mesmo correspondencia des­de a fronte en plena Guerra Ci­vil do 36. Xunto a isto, foron múltiples as anécdotas contadas polos propios protagonistas e familiares. Todo este anaco de historia e vida na Galiza ao longo do século XX aparece recompilado no libro-monográfico de Homenaxe centenaria aos irmáns Lamas.
A través das súas páxinas, entre outros moitos datos, descubri­mos o auxe e proliferación das murgas, charangas ou músicas a partir do ano 1900, formacións que encarnaba o devandito Sexteto Enxebre e que ocuparon o elo perdido entre o cuarteto ou sextetos tradicionais (como as requintas) e as bandas de músi­ca.
Neste monográfico queremos renderlle pois especial homenaxe -máis que merecida- a unha familia de artistas que durante case un século encheron de son e vida as terras de Teo e as de máis alá
Oxalá que estes pequenos traballos como o aquí presentado contribúan a facer un chisco máis imperecedeira unha cultura como a nosa á vez que alimentan as inquedanzas duns mozos e mozas que soñan con sacar adiante un sen fin de proxectos culturais da terra que aman.

Sexteto Enxebre Her­manos Lamas de Cornide. Centenario (1910-2010)
Fieis á cita anual, a Asocia­ción Cultural A Regionalis­ta edita o segundo libro dentro do Ciclo ‘Persoeiros da Terra’ dedicado ao Sexteto Enxebre Her­manos Lamas de Cornide. Centenario (1910-2010), e que recolle a vida da formación teense repartida en tres xeracións.  A presentación do libro veu acompañada no seu día dunha exposición co material recompilado en hemerotecas e prestado para a ocasión polas familias e amigos dos irmáns Lamas: instrumentos orixi­nais, partituras centenarias e mesmo correspondencia des­de a fronte en plena Guerra Ci­vil do 36. Xunto a isto, foron múltiples as anécdotas contadas polos propios protagonistas e familiares. Todo este anaco de historia e vida na Galiza ao longo do século XX aparece recompilado no libro-monográfico de Homenaxe centenaria aos irmáns Lamas.A través das súas páxinas, entre outros moitos datos, descubri­mos o auxe e proliferación das murgas, charangas ou músicas a partir do ano 1900, formacións que encarnaba o devandito Sexteto Enxebre e que ocuparon o elo perdido entre o cuarteto ou sextetos tradicionais (como as requintas) e as bandas de músi­ca. Neste monográfico queremos renderlle pois especial homenaxe -máis que merecida- a unha familia de artistas que durante case un século encheron de son e vida as terras de Teo e as de máis alá Oxalá que estes pequenos traballos como o aquí presentado contribúan a facer un chisco máis imperecedeira unha cultura como a nosa á vez que alimentan as inquedanzas duns mozos e mozas que soñan con sacar adiante un sen fin de proxectos culturais da terra que aman.



Video de Presentación do Homenaxe Centenario ó sexteto Hermanos Lamas

30 09 2010

A continuación deixamovos o video  co que se iniciou a presentación do Homenaxe Centenario ó Sexteto Hermanos Lamas.

[tube]http://www.youtube.com/watch?v=bY3oe_x6RYY[/tube]



Homenaxe o “Sexteto Enxebre Hermanos Lamas”

19 09 2010

No II Ciclo “PERSOEIROS DA TERRA” temos a honra de presentar a homenaxe centenaria do Sexteto Enxbre Hermanos Lamas. Neste ano 2010 os Sexteto creado polos Irmans Lamas cumpre 100 anos.

Para este evento que se realizará o Domingo 26 de setembro no Local Social de Luou, editamos un libro coa historia de estos devanceiros para a sua época.

Ademáis teremos o pracer de escoitar a musica dos Lamas tocada polos últimos representantes de este sexteto, coa participación añadida de Alvariza e da Asociación Cultural “A Mamoa” que colabora con nos na presentación de este homenaxe.



Actuación de Alvariza no VII Mangelo Folk

2 05 2010

Descarga do Cartel_Manguelo_Folk

Temos cita este ano no Manguelo Folk o día 22 de maio en Orazo, no concello da Estrada.

A partir das 11 da mañan, as charangas BB+ e Antaruxan percorerán os distintos lugares da parroquia.

A partir das seis da tarde seguirán as actuacións dos grupos:

XUNTANZA DOS REGATOS

LILAILA

A CARBALLEIRA DE CERCIO

PETER PUNK

Ó SON DA FERVENZA

CANTIGAS DA TERRA

TRIOLIRO REGUEIFEIROS

CÉ ORQUESTRA PANTASMA ( HOME ORQUESTRA)

Xa metidos na noite se fará entrega dos premios do concurso de debuxo e seguirá a musica da man de

XUNTANZA DOS REGATOS

REQUINTA DA LAXEIRA

ALVARIZA

KORRONTZI

OS TRES TREBÓNS



Para mais informacion podedes dirigirvos a páxina web da Asociación SocioCultural Cotomangelo:

http://www.cotomanguelo.aestrada.com/

Alí estaremos esperandovos…



PROGRAMA ANUAL DE HOMENAXES A PERSOEIROS SENLLEIROS DE TEO NO EIDO MUSICAL

20 04 2010

 Dende a Asociación A Regionalista preténdese levar a cabo un programa de homenaxes a persoeiros senlleiros do eido musical no noso Concello de Teo. 

Con este programa pretenderase saldar unha débeda histórica que temos cos distintos persoeiros destacados que nos dou a nosa terra e que formaron a moitos dos músicos do noso concello. Ao mesmo tempo tamén se converte nunha inmellorable ocasión para dar cita as distintas entidades e asociacións do noso concello para tocar xuntos e ter un día de convivencia entorno a estes persoeiros que colaboraron dun ou doutro xeito con eles. 

Tamén como non, servirá  de escaparate a modo de memoria histórica para darlle a coñecer a todods os veciños, tanto residentes como non, asi como ós visitantes actuais e petenciais, e ós aficionados á música, as persoas que asentaron as bases da música en Teo e estallaron as súas notas máis alá dos nosos límites levando o nome do noso concello.



Juan Alén. Acordeonista en Cacheiras, Teo

22 02 2010
No interior dos lindes teenses xermolou un fructífero número de acordeonistas que se espallaron alén do noso municipio. Entre eles, o Sr. Juan quen, en diversas ocasións, foi capaz de nos transmitir o seu legado materializado en extensas sesións, rescatadas da súa memoria e que conformaron un amplo repertorio propio dos acordeonistas da terra.
O Sr. Juan de Alén converteuse nun dos últimos tanxedores de acordeón diatónicos de tantos que poboaron Teo; só en Cacheiras contabilizamos uns dez, cifra bastante elevada para o pouco recoñecemento que se lle deu ata o de agora:
Juan de AlénDaquela eramos moitos os mozos que tocabamos o acordeón; Sabino de Munín, Alfonso de Raxó, meus primos de Cobas…; unha chispa deles, había moita afición.


Na Memoria do Sr. Roberto Casal

20 02 2010
Roberto Casal DevesaA tradición e gusto pola etnografía galega xermolou en nós nos centros culturais e asociacións folclóricas do lugar de orixe de cada un, neste caso no Centro Cultural “Rosalía de Castro”, de Cacheiras. Todo comeza alá pola década dos noventa, cando algúns dos maiores do Centro, movidos polas ansias de recoller e recompilar todo tipo de información sobre os bailes, músicas e costumes de raíz dos nosos arredores, levamos a cabo un importante traballo de campo que aínda hoxe se conserva en devandita  asociación teense.
Pasados uns anos volvemos a vista ao pasado e visualizamos algúns destes traballos de campo, entre as gravacións chamounos a atención un bailador e o seu tanxer nos pasos da muiñeira nos que contrastaba axilidade de pés e elegancia na trasmisión perfecta daqueles movementos.
Logo de facer as pertinentes pesquisas fomos dar con este mestre do baile o mesmo día da festa de Sergude, (era nativo de Lestedo, aínda que pasou a maior parte da vida en Rodiño-Sergude). O gran recoñecemento do que gozaba entre os veciños como gran bailarín do solto facilitounos moitísimo a localización do noso protagonista, o Sr. Roberto.

Roberto Casal Devesa

O noso amigo nunca tivo ningún reparo en transmitir os seus coñecementos a aqueles que alí se achegaban, el era moi consciente de que o de bailar o solto estaba a ser esquecido, xa ninguén bailaba nas festas ao son das músicas.
O bailar en verbas do Sr. Roberto non só se limita a executar uns pasos, é moito máis:
“Unha cousa e bailar e outra, moi distinta, é trasmitir. Para isto, un ten que bailar coa parella seguindo a música pero, ante todo, mostralo con todo o corpo. Non vale de nada marcar moi ben cos pés se a cabeza e os brazos van para outro lado, sempre hai que ir axeitados ao baile”.
Dende logo el nacera con ese don, algo innato que se levaba dentro e xermola con só escoitar a música. Lembra que xa dende neno o baile lle levou moita idea, aprendía axiña e dunha maneira rápida: “non me levaba tempo ningún”. De feito, cando comezaba a bailar nas festas ás que acudía era quen de atraer sobre el as miradas dos alí presentes, por moi remisos que foran a estes bailes. Así nolo demostrou nunha das visitas pois, con case oitenta anos, comezou a debuxar uns pasos cos pés ante os que quedamos marabillados.

Roberto Casal Devesa

Consciente do esquecemento no que ía caendo o baile solto, o Sr. Roberto amosou unha vontade constante por ensinar e transmitir, algo que o convertía nunha persoa entrañable. As ganas de adoutrinar no folclore aos que tiña ao seu redor nunca faltaron, en especial aos seus fillos, aínda que xa estes bailes non tiveran a aceptación social de antano entre a mocidade.
O Sr. Roberto Casal Devesa, foise aos 92 anos de idade deixándonos os mellores recordos como conservador-loitador empedernido do folclore galego. A el o noso máis sincero cariño e agradecemento.


Memorias de Gervasio Salgueiro Estévez

7 02 2010

Historicamente, as terras do Ulla son berce de boa xente e bos músicos, persoas que tiveron como motivo de preocupación a interpretación e defensa da cultura do país. Neste contexto atopamos entre as tradicións conservadas os Entroidos da Ulla;
grupos de requinta; xogos populares e, como non, a música propia da zona.
Das ribeiras do Ulla xermolaron diversas bandas de música. O espírito imperante por animar as almas da festa e as xuntanzas familiares en torno a unha mesa, foi o motor preciso para atopar na música o mellor complemento co fin de gabar os Santos e moverse ao compás das melodías. A presenza das bandas de música nestas festas pasou a ser obrigada, motivo polo que estas formacións foron adquirindo sona e tradición no lugar.
No medio de todo este envoltorio cultural e musical, nas terras de Teo -alá polo ano 1922- nace na pequena aldea de Cerdeira (Vilariño) o noso protagonista, Don Gervasio Salgueiro Estévez, quen foi capaz de poñer seu gran de area para a existencia da música de banda non só na zona, senón en toda Galicia.
A firmeza e constancia de Don Gervasio é tal que seu legado cultural e musical segue intacto: fundador de bandas de música, director noutras tantas; argalleiro de murgas, comparsas e charangas… Dende Cerdeira, a proxección da súa persoa supón un fito para a comarca da Ulla e un referente para toda Galicia.
Co paso dos anos, agradecémoslle ó mestre Gervasio todo o labor desenvolto por quen, tendo moi poucos recursos, chegou a formar parte dunha comunidade animándoa co espírito da música. Toda a súa calidade humana e o seu legado musical van permanecer en nós coma pouso do noso ser e animador das nas nosas inquedanzas.
Deste xeito ao igual que nós medramos rodeados polo labor que xente coma Don Gervasio fixo ao longo da súa vida, tamén é tempo, e de xustiza, que aqueles que fixeron cousas por nós reciban o noso cariño e todo o noso sentimento en agradecemento e gratitude.
O gran sementado polo noso protagonista xermolou e está san, dando seus froitos.

Historicamente, as terras do Ulla son berce de boa xente e bos músicos, persoas que tiveron como motivo de preocupación a interpretación e defensa da cultura do país. Neste contexto atopamos entre as tradicións conservadas os Entroidos da Ulla; grupos de requinta; xogos populares e, como non, a música propia da zona. Das ribeiras do Ulla xermolaron diversas bandas de música.

O espírito imperante por animar as almas da festa e as xuntanzas familiares en torno a unha mesa, foi o motor preciso para atopar na música o mellor complemento co fin de gabar os Santos e moverse ao compás das melodías. A presenza das bandas de música nestas festas pasou a ser obrigada, motivo polo que estas formacións foron adquirindo sona e tradición no lugar. No medio de todo este envoltorio cultural e musical, nas terras de Teo -alá polo ano 1922- nace na pequena aldea de Cerdeira (Vilariño) o noso protagonista, Don Gervasio Salgueiro Estévez, quen foi capaz de poñer seu gran de area para a existencia da música de banda non só na zona, senón en toda Galicia. A firmeza e constancia de Don Gervasio é tal que seu legado cultural e musical segue intacto: fundador de bandas de música, director noutras tantas; argalleiro de murgas, comparsas e charangas… Dende Cerdeira, a proxección da súa persoa supón un fito para a comarca da Ulla e un referente para toda Galicia.

Co paso dos anos, agradecémoslle ó mestre Gervasio todo o labor desenvolto por quen, tendo moi poucos recursos, chegou a formar parte dunha comunidade animándoa co espírito da música. Toda a súa calidade humana e o seu legado musical van permanecer en nós coma pouso do noso ser e animador das nas nosas inquedanzas.Deste xeito ao igual que nós medramos rodeados polo labor que xente coma Don Gervasio fixo ao longo da súa vida, tamén é tempo, e de xustiza, que aqueles que fixeron cousas por nós reciban o noso cariño e todo o noso sentimento en agradecemento e gratitude. O gran sementado polo noso protagonista xermolou e está san, dando seus froitos.



Homenaxes os nosos transmisores

31 01 2010

A asociación A Regionalista vén realizando en colaboración co programa Luar da RTVG diferentes homenaxes aos nosos transmisores, aqueles que, de forma desinteresada, nos amosan un modelo de vida hoxe en decadencia. A finalidade destes pequenos tributos é salvagardar e dar a coñecer a sabedoría, verbo da cultura popular, que ofrece o paso dos anos e a experiencia vital.

A nosa intención é realizar unha pequena mostra, a modo de pincelada, amosando o máis destacado da cultura popular do país en canto a: música, ritmo, formación, estrutura, coreografía, acompañamento, vestimenta,… Cómpre especificar que debemos ser moi conscientes de que calquera interpretación-tradición sacada do seu contexto orixinal e levada a un escenario sofre unha modificación notable. Desde o momento en que lles estamos a presentar unha danza aos espectadores desfiguramos e desvirtuamos a realidade; só conseguiremos achegarnos á mesma procurando unha aproximación o máis fidedigna posible do que ocorría nestas manifestacións socioculturais.

No contexto televisivo cómpre ter en conta que nos temos que adaptar a unha programación onde o tempo se reduce cuantiosamente. En escasos 5 minutos realizarase un breve contacto cos informantes a modo de presentación -normalmente atópanse nerviosos pola situación- e deseguido ten lugar a interpretación da danza pensada para ese momento.

A finalidade destes actos televisivos é dedicarlles un espazo aos nosos maiores para lles agradecer publicamente o labor de trasmisión oral que nos amosan e sobre o que se sostén o folklore do país conformando os piares necesarios para a pervivencia da cultura tradicional.