Archivo por meses: febrero 2010
Na Memoria do Sr. Roberto Casal
A tradición e gusto pola etnografía galega xermolou en nós nos centros culturais e asociacións folclóricas do lugar de orixe de cada un, neste caso no Centro Cultural “Rosalía de Castro”, de Cacheiras. Todo comeza alá pola década dos noventa, cando algúns dos maiores do Centro, movidos polas ansias de recoller e recompilar todo tipo de información sobre os bailes, músicas e costumes de raíz dos nosos arredores, levamos a cabo un importante traballo de campo que aínda hoxe se conserva en devandita asociación teense.

Memorias de Gervasio Salgueiro Estévez

Historicamente, as terras do Ulla son berce de boa xente e bos músicos, persoas que tiveron como motivo de preocupación a interpretación e defensa da cultura do país. Neste contexto atopamos entre as tradicións conservadas os Entroidos da Ulla; grupos de requinta; xogos populares e, como non, a música propia da zona. Das ribeiras do Ulla xermolaron diversas bandas de música.

O espírito imperante por animar as almas da festa e as xuntanzas familiares en torno a unha mesa, foi o motor preciso para atopar na música o mellor complemento co fin de gabar os Santos e moverse ao compás das melodías. A presenza das bandas de música nestas festas pasou a ser obrigada, motivo polo que estas formacións foron adquirindo sona e tradición no lugar. No medio de todo este envoltorio cultural e musical, nas terras de Teo -alá polo ano 1922- nace na pequena aldea de Cerdeira (Vilariño) o noso protagonista, Don Gervasio Salgueiro Estévez, quen foi capaz de poñer seu gran de area para a existencia da música de banda non só na zona, senón en toda Galicia. A firmeza e constancia de Don Gervasio é tal que seu legado cultural e musical segue intacto: fundador de bandas de música, director noutras tantas; argalleiro de murgas, comparsas e charangas… Dende Cerdeira, a proxección da súa persoa supón un fito para a comarca da Ulla e un referente para toda Galicia.
Co paso dos anos, agradecémoslle ó mestre Gervasio todo o labor desenvolto por quen, tendo moi poucos recursos, chegou a formar parte dunha comunidade animándoa co espírito da música. Toda a súa calidade humana e o seu legado musical van permanecer en nós coma pouso do noso ser e animador das nas nosas inquedanzas.Deste xeito ao igual que nós medramos rodeados polo labor que xente coma Don Gervasio fixo ao longo da súa vida, tamén é tempo, e de xustiza, que aqueles que fixeron cousas por nós reciban o noso cariño e todo o noso sentimento en agradecemento e gratitude. O gran sementado polo noso protagonista xermolou e está san, dando seus froitos.
