CESÁREO VILLAR VAAMONDE. A Granxa.

Boqueixon (37)

 

Para comprender a idíosincrasia do cuarteto Airiños do Pico antes temos que falar dos antecedentes que o orixinan e para tal efecto tivemos o pracer de coñecer a don Cesáreo Villar Vaamonde quen aos seus 100 anos loce una memoria envexable, pouso de todo unha vida.

Nado en san Miguel de Sarandón, lugar onde os seus país foron caseiros nos bens do Conde durante un tempo, trasladaríase coa familia ao lugar onde hoxe inda reside na Granxa-Boqueixón, alí mercarían propiedade xunto ao igrexario.

A relación de don Cesáreo coa música comeza aos once anos, cando de xeito autodidacta aprendeu a tocar cunha frauta traveseira de madeira que súa nai lle mercara na feira da Estrada, posiblemente do obradoiro de Riobó. A sorte acompañaríao na instrucción do devandito instrumento: …..Deuse a casualidade de que un fillo do caseiro sabía tocar a frauta e un día cando iamos para o monte co gando coincidimos …..Eu levaba a miña frautiña e el a súa, pola que me foi ensinando as notas….e asi aprendin música.

Xa instalado na Granxa, o noso protagonista comezou a facer labores de sancristán: coidar o camposanto, tocar a campá, axudar á misa… A cambio dos meus servizos pedinlle una gaita e así, con 17 anos, foi cando a encarguei no taller dos Gómez de Ardilleiro. Lembro que soaban moi ben, moi claras as notas no punteiro, preparábanas e logo vendíanas na casa ou nalgunha feira como na festa do Pico. 

O paso do tempo fixo que Sr. Cesáreo fose calmando a teima de bo gaiteiro conformando un conxuntiño ben xeitoso acompañándose dunha boa percusión: Xa con aquela gaitiña practiquei ben e saín tocar, xa un se defendía coa gaita grileira con ronqueta e media ronqueta axudado por bombo e tamboril. Estes cambiaban segundo quen estivera libre, teñen vido moito os irmáns Porto, de Codeso, moi bos á percusión.

Eran os anos da preguerra nos que a xente se devertía cao presenza dun conxunto de gaitas. O noso protagonista recorda facer o baile no mesmo domingo de Pascua: …A mocidade acudía en multitude aos bailes. Ás veces tiña de desprazarme na besta ata a festa que tocase e botabamos o día fóra., .. Lembro que una das máis afastadas foi en San Pedro de Ribeira-Touro. fomos pola maña e regresamos a noite..

Tal divertimento e bo ambiente entre a veciñanza viuse truncando co conflito bélico que mudou a historia de España e do que Cesáreo foi partícipe: …Cando a cousa mellor ía estalou a Guerra Civil e paralizou todo….Ao vires da fronte meu irmám Inocencio, moito máis novo ca min, estribillaba algo na gaita e saímos gañar unas perras… Cesáreo, hoxe un veterano da quinta do 36, con 20 anos pasou toda unha guerra en infantería no bando franquista e, como á maioría dos mozos non lle deron a elixir bando.

Logo do conflito bélico, no ano corenta Cesáreo casa con María Agrelo Souto, de Codeso. e desta unión nacen varios fillos, pero tan só Cesáreo Villar Agrelo (1945) mostra interese pola música. Co paso do tempo, o mestre accede a lle ensinar ao seu fillo a tocar a gaita ata que a progresión leva o descendente a fundar os Airiños Do Pico, un cuarteto con dúas gaitas en Si bombo e tamboril.

Boqueixón…Música e Tradición.2014