Vámola Alboreando – Jota da Sra Pepa

A Sra. Pepa foi unha das tantas rapazas que veu vivir a Amahía procedente da montaña. Os «montañeses» era o alcume polo que eran coñecidos os que proviñan das terras altas. Non é un nome pexorativo, pois esta xente estaba moi ben vista ao ser considerados moi traballadores e honrados. A migración interior provocaría a mestura de diversas expresións culturais.

No que nos atinxe, neste caso a música, prodúcese unha simbiose que funciona á perfección concretada nesta jota que nos interpreta Sra. Pepa. Nada en San Xoán de Fecha, onde pasa parte da súa nenez e aprende a tocar a pandeireta, viaxa cos seus pais para asentarse no lugar de Penelas onde rapidamente estreita lazos coa mocidade do seu tempo, comezando sen se decatar unha interculturización e adaptación folclórica. Músicas e melodías, manifestacións foráneas, son rapidamente asimiladas formando parte íntegra dunha nova comunidade.

A nosa trasmisora recorda: «Elas aprenderon algunhas das miñas e eu collín das súas. O caso é que cando tocabamos todas para o baile nunca houbo ninghún problema. Cos meus tons ían moi ben as coplas que tiñamos».